ORGANIZA
Concello de Oleiros
COLABORA
CEIDA
FINANCIA
GAC Golfo Ártabro a través do Fondo Europeo da Pesca, Ministerio de
Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Consellería do Medio Rural e
do Mar
Europa Inviste na Pesca Sustentable
DESCRICIÓN
No Golfo Ártabro, a riqueza biolóxica do litoral constitúe unha fonte de
recursos esenciais para unha parte da poboación do territorio que,
dende antigo, vense aproveitando como fonte de ingresos e de
alimentación. Hai, por tanto, unha importante dependencia social das
actividades vinculadas ao litoral, e concretamente da actividade
pesqueira polo que é necesario abarcar a súa xestión dende un punto de
vista integrado para evitar que actuacións parciais o sectoriais
produzan efectos nocivos no ecosistema e na economía do noso litoral,
cos conseguintes impactos negativos sobre a poboación.
Hoxe, a problemática dos residuos no medio mariño, é unha das formas
visibles de contaminación coa que estamos agredindo a este ecosistema e
quizais é o motivo máis evidente para fomentar a participación cidadá e a
sensibilidade cara a conservación dos océanos e do litoral. O desafío
principal consiste en conectar o coñecemento coa acción, coa posta en
marcha en paralelo de proxectos para a posta en valor dos recursos. É
primordial unha fase inicial de xeración de coñecemento que permita
tomar decisións específicas para unha mellor xestión do espazo costeiro,
ademais dun cambio cultural que implique un cambio nos comportamentos.
OBXECTIVOS
- Sensibilizar sobre o importante valor natural dos ecosistemas mariños
pero tamén da súa fraxilidade, principalmente, polo impacto das
actividades humanas e os residuos que estas xeran.
- Descubrir as problemáticas que afectan ao litoral e establecer unha
relación de causa-efecto cos nosos patróns de consumo cotiá. É
fundamental acadar un conxunto de coñecementos e destrezas sobre o
litoral galego e os seus recursos e transmitirllo ao alumnado para que
aumente o nivel de respecto e estima cara a el.
- Concienciar sobre a necesidade de separar os residuos no fogar para o
seu correcto reciclaxe, como unha das boas prácticas diarias a favor dos
ecosistemas mariños.
DESTINATARIOS
Centros de ensino, tanto públicos como privados, do Concello de
Oleiros. Se ofertará a todos os ciclos de primaria e secundaria aínda
que consideramos que a idade máis axeitada serían os rapaces de 6º de
primaria e os de 1º da ESO.
ACTIVIDADES
- Itinerancia de material didáctico
En formato de paneis expositivos, centrado na problemática da
contaminación mariña, motivada en gran parte polo gran volume de
residuos que están a recibir diariamente os nosos fondos mariños. Moitos
destes residuos son de orixe urbana e esixen a necesidade de establecer
novos hábitos de conduta na nosa sociedade, orientados a protexer o
litoral galego desta marea de residuos.
- Charlas divulgativas.
A charla divulgativa tamén se centrará na problemática ambiental dos
océanos asociada as actividades humanas. Trátase de conciencialos sobre a
relación directa que hai entre os noso hábitos e a gran cantidade de
residuos que xeramos, e a necesidade de establecer novas pautas de
conduta na vida diaria da nosa sociedade. A charla ten unha función
“provocadora” ante o alumnado, o obxectivo é espertar neles a conciencia
e a sensibilidade necesaria para poder traballar posteriormente mais
concretamente nas saídas á praia. Empregaranse técnicas propias da
interpretación do patrimonio co fin de trasladar as mensaxes de xeito
sinxelo, ameno e impactante.
- Talleres prácticos con saídas á praia
Na saída dos escolares a unha praia do Concello de Oleiros o alumnado
terá un papel activo co obxectivo de aumentar as posibilidades de mudar
os nosos hábitos diarios para axudar á conservación dos ecosistemas
mariños. Realizaranse diferentes actividades orientadas á trasladarlles
“in situ” coñecementos sobre o litoral, as especies animais e vexetais
que están presentes, os recursos pesqueiros e marisqueiros, así como
resaltar a importancia que ten o seu papel como bioindicadores de
contaminación mariña. Tamén poderán comprobar de primeira man a
problemática desta contaminación, vendo a cantidade de residuos que se
acumulan nas praias e que chegan á costa coas mareas. O feito de que os
estudantes poidan desenvolver estas actividades nas praias do seu
contorno, onde se bañan todos os veráns, axuda a establecer un vínculo
emocional con estes lugares.
Máis información para o profesorado
Descargar cartel
Máis información: rebeca.vazquez@ceida.org
No hay comentarios:
Publicar un comentario