miércoles, 22 de octubre de 2014

Misión Océanos: Programa de Educación Ambiental sobre o Medio Mariño

ORGANIZA
Concello de Oleiros
COLABORA
CEIDA
FINANCIA
GAC Golfo Ártabro a través do Fondo Europeo da Pesca, Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Consellería do Medio Rural e do Mar
Europa Inviste na Pesca Sustentable
DESCRICIÓN
No Golfo Ártabro, a riqueza biolóxica do litoral constitúe unha fonte de recursos esenciais para unha parte da poboación do territorio que, dende antigo, vense aproveitando como fonte de ingresos e de alimentación. Hai, por tanto, unha importante dependencia social das actividades vinculadas ao litoral, e concretamente da actividade pesqueira polo que é necesario abarcar a súa xestión dende un punto de vista integrado para evitar que actuacións parciais o sectoriais produzan efectos nocivos no ecosistema e na economía do noso litoral, cos conseguintes impactos negativos sobre a poboación.
Hoxe, a problemática dos residuos no medio mariño, é unha das formas visibles de contaminación coa que estamos agredindo a este ecosistema e quizais é o motivo máis evidente para fomentar a participación cidadá e a sensibilidade cara a conservación dos océanos e do litoral. O desafío principal consiste en conectar o coñecemento coa acción, coa posta en marcha en paralelo de proxectos para a posta en valor dos recursos. É primordial unha fase inicial de xeración de coñecemento que permita tomar decisións específicas para unha mellor xestión do espazo costeiro, ademais dun cambio cultural que implique un cambio nos comportamentos.
OBXECTIVOS
- Sensibilizar sobre o importante valor natural dos ecosistemas mariños pero tamén da súa fraxilidade, principalmente, polo impacto das actividades humanas e os residuos que estas xeran.
- Descubrir as problemáticas que afectan ao litoral e establecer unha relación de causa-efecto cos nosos patróns de consumo cotiá. É fundamental acadar un conxunto de coñecementos e destrezas sobre o litoral galego e os seus recursos e transmitirllo ao alumnado para que aumente o nivel de respecto e estima cara a el.
- Concienciar sobre a necesidade de separar os residuos no fogar para o seu correcto reciclaxe, como unha das boas prácticas diarias a favor dos ecosistemas mariños.
DESTINATARIOS
Centros de ensino, tanto públicos como privados, do Concello de Oleiros. Se ofertará a todos os ciclos de primaria e secundaria aínda que consideramos que a idade máis axeitada serían os rapaces de 6º de primaria e os de 1º da ESO.
ACTIVIDADES
- Itinerancia de material didáctico
En formato de paneis expositivos, centrado na problemática da contaminación mariña, motivada en gran parte polo gran volume de residuos que están a recibir diariamente os nosos fondos mariños. Moitos destes residuos son de orixe urbana e esixen a necesidade de establecer novos hábitos de conduta na nosa sociedade, orientados a protexer o litoral galego desta marea de residuos.
- Charlas divulgativas.
A charla divulgativa tamén se centrará na problemática ambiental dos océanos asociada as actividades humanas. Trátase de conciencialos sobre a relación directa que hai entre os noso hábitos e a gran cantidade de residuos que xeramos, e a necesidade de establecer novas pautas de conduta na vida diaria da nosa sociedade. A charla ten unha función “provocadora” ante o alumnado, o obxectivo é espertar neles a conciencia e a sensibilidade necesaria para poder traballar posteriormente mais concretamente nas saídas á praia. Empregaranse técnicas propias da interpretación do patrimonio co fin de trasladar as mensaxes de xeito sinxelo, ameno e impactante.
- Talleres prácticos con saídas á praia
Na saída dos escolares a unha praia do Concello de Oleiros o alumnado terá un papel activo co obxectivo de aumentar as posibilidades de mudar os nosos hábitos diarios para axudar á conservación dos ecosistemas mariños. Realizaranse diferentes actividades orientadas á trasladarlles “in situ” coñecementos sobre o litoral, as especies animais e vexetais que están presentes, os recursos pesqueiros e marisqueiros, así como resaltar a importancia que ten o seu papel como bioindicadores de contaminación mariña. Tamén poderán comprobar de primeira man a problemática desta contaminación, vendo a cantidade de residuos que se acumulan nas praias e que chegan á costa coas mareas. O feito de que os estudantes poidan desenvolver estas actividades nas praias do seu contorno, onde se bañan todos os veráns, axuda a establecer un vínculo emocional con estes lugares.
Máis información para o profesorado
Descargar cartel
Máis información: rebeca.vazquez@ceida.org

viernes, 17 de octubre de 2014

PROGRAMA COÑECE A COSTA NORTE DE OLEIROS



PROGRAMA COÑECE A COSTA NORTE DE OLEIROS


O Concello de Oleiros, co apoio técnico do CEIDA e a colaboración do GAC Golfo Ártabro, oferta roteiros guiados polo Monumento Natural Costa Dexo-Serantes (Oleiros) e visitas á Aula do Mar dos Faros de Mera, para grupos concertados de forma totalmente gratuita.
As actividades van destinadas, principalmente, a sensibilizar na consecución dun desenvolvemento sostible, na conservación da biodiversidade desta valiosa franxa costeira xunto coa posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes e o fomento do turismo mariñeiro.
Máis información: http://www.ceida.org/educacion-divulgacion/programa-educacion-ambiental/conece-costa-norte-oleiros-roteiros-guiados-.html

PROGRAMA
ACTIVIDADES DE POSTA EN VALOR DOS ECOSISTEMAS MARIÑOS E DIVULGACIÓN DA CULTURA MARIÑEIRA PARA O FOMENTO DO TURISMO NO LITORAL DE OLEIROS
ORGANIZA
Concello de Oleiros
COLABORA
CEIDA
FINANCIA
GAC Golfo Ártabro a través do Fondo Europeo da Pesca, Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Consellería do Medio Rural e do Mar
Europa Inviste na Pesca Sustentable
DESCRICIÓN
A zona litoral de Galicia destaca pola importante biodiversidade que alberga. Unha diversidade biolóxica que serve ademais de motor económico, xa que a pesca e o marisqueo son unha importante fonte de riqueza nos concellos costeiros galegos. Non obstante, o seu alto valor ecolóxico está en perigo pola forte presión antrópica á que se ve sometida por ser as zonas costeiras onde se concentra a meirande parte da poboación de Galicia
As actividades que se realizan neste programa están enfocadas no ámbito territorial do Costa de Dexo-Serantes, no Concello de Oleiros. O patrimonio natural e cultural deste Concello presentase como unha oportunidade para o desenvolvemento do territorio pero velando pola conservación do mesmo e a participación de todo o tecido social e económico da zona.
As actividades van destinadas, principalmente, a sensibilizar na consecución dun desenvolvemento sostible, na conservación da biodiversidade desta valiosa franxa costeira xunto coa posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes e o fomento do turismo mariñeiro.
DESTINATARIOS
Dirixidas prioritariamente a grupos concertados do Concello de Oleiros pero extensible tamén á poboación da área de influencia do GAC Golfo Ártabro e outros visitantes.
ACTIVIDADES
- Roteiro guiado pola Costa de Dexo-Serantes
Durante o desenvolvemento desta actividad se intentarán establecer vínculos de coñecementos e afectivos entre os participantes e o espazo a visitar. Os guías propoñerán aos participantes que colaboren nun “intercambio de saberes”, eles aportarán os coñecementos naturalísticos do espazo e do litoral en xeral e lles darán pé aos participantes para que aporten os seus saberes: lendas, historias, usos tradicionais, toponimia, recordos da súa infancia etc… Este intercambio permitirá ao equipo de guías adquirir un coñecemento máis profundo do espazo e do mar, posibilitando así a realización de posteriores visitas guiadas dende outra perspectiva máis social. Preténdese que os visitantes gocen dos paseos guiados, espertarlles os sentidos e descubrir os segredos do mundo natural, activar propostas que deriven en actitudes e comportamentos congruentes coa ética ambiental.
Terá unha duración mínima de 3 h e discorrerá por sendeiros previamente sinalizados dentro do espazo protexido. Faranse paradas en puntos relevantes do percorrido en función do seu interese natural, paisaxístico, cultural ou patrimonial.
- Visita guiada á antiga casa do fareiro dos faros de Mera
Transformada no Centro de Visitantes do Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes, a Aula do Mar está situada nunha zona con gran valor natural, converténdose na porta natural deste espazo protexido. A información deste equipamento exponse a través de paneis interpretativos, vídeos ou elementos en relevo que resaltan a riqueza desta paraxe , mais a intervención dos guías na actividade será co obxectivo de fomentar a reflexión sobre a necesidade de conservación destes espazos para as xeracións futuras.
Ambas actividades pretenden ter un marcado carácter participativo, co obxectivo de achegar aos visitantes os valores naturais, culturais e paisaxísticos do espazo, dun xeito ordenado, seguro e que garanta a conservación do espazo, establecendo vínculos afectivos entre a poboación local e o espazo a coñecer para implicalos tanto na súa conservación como na recuperación de saberes e recursos ligados ao patrimonio material e inmaterial.
Actividades gratuitas
Descargar cartel
Formulario de solicitude



ORDENACIÓN e PROTECCIÓN dos SISTEMAS PRAIA-DUNA. Xornada Técnica



Co fin de contribuír á ORDENACIÓN e PROTECCIÓN dos SISTEMAS PRAIA-DUNA, a Xunta de Galicia organiza unha XORNADA TÉCNICA que se celebrará o martes 21 de outubro, no Centro de Interpretación de Corrubedo (concello de Ribeira) na que se presentará a GUÍA PARA A INTERVENCION EN SISTEMAS PRAIA DUNA, dirixida polo Director do Instituto de Territorio, Manuel Borobio, e se realizará unha VISITA-TALLER ao PARQUE NATURAL DE CORRUBEDO.

A entrada é libre, prégase confirme asistencia antes do 18 de outubro no enlace, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, ou no telf. 981 95 72 64


1ª EDICIÓN FEIRA EMPRESAS-CONCELLOS



A Deputación de A Coruña, na súa liña de cooperación activa cos concellos da provincia e, co o obxetivo tamén de favorecer a actividade económica das nosas empresas, presenta a 1ª Edición do Encontro entre Empresas e Concellos.
Terá lugar nas instalacións de EXPOCoruña durante os días 26, 27 e 28 de novembro de 2014.
O obxetivo principal do evento é proporcionar un espazo común a profesionais e administración para intercambiar experiencias na procura de solucións prácticas e innovadoras  na xestión municipal.
 As actividades principais serán:
 -Networking
-Presentacións públicas de productos e servizos.
-Mesas redondas de Turismo e Compra Pública Innovadora con expertos.

Asimesmo, os participantes terán a súa disposición salas equipadas onde poder facer encontros persoais.
É unha OPORTUNIDADE inmellorable para poder facer contactos, ver tendencias de mercado, observar demandas insatisfeitas, ou propoñer solucións INNOVADORAS ós problemas diarios na xestión da administración, onde poderás ter a túa disposición ós 93 concellos da provincia, ademáis de outras entidades, tales como Consorcios ou Mancomunidades. É unha OPORTUNIDADE porque terás ocasión de compartir experiencias e establecer sinerxías con outros profesionais e empresas.


Na liña de colaboración, pregamos a maior difusión posible do evento entre as empresas do voso concello co obxetivo de enriquecer esta primeria edición.

Todos aqueles interesados en participar poderán recabar a información necesaria chamando a 981 080 300, no correo electrónico upd@dicoruna.es e tamén na web da Diputación, www.dicoruna.es

A data tope de inscripción será o 29 de outubro.

miércoles, 15 de octubre de 2014

FORO Iniciativas de Xestión Ambiental ao Servizo da Sociedade

O vindeiro 23 Octubre celebrase no CEIDA o Foro Iniciativas de Xestión Ambiental ao Servizo da Sociedade, onde se poderá coñecer distintas iniciativas de xestión ambiental que se realizan por empresas e institucións da Provincia de A Coruña e Galicia. Apuntate!!!